Unión Europea

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

O CONCELLO DE RIBEIRA DOTA AO PARQUE DE PUNTA DO CASTRO DE NOVA ILUMINACIÓN EFICIENTE CON LUCES LED

  • Estes traballos forman parte da liña de actuación “Ribeira + eficiente” enmarcada na estratexia EDUSI “Máis Ribeira Atlántica”

Santa Uxía de Ribeira, 21 de febreiro de 2023- O concello de Ribeira, no marco da EDUSI Máis Ribeira Atlántica”, segue avanzando no obxectivo de mellorar a súa eficiencia enerxética e, nesta ocasión, vén de dotar ao Parque de Punta do Castro de 40 luminarias LED.

O Parque de Punta do Castro, en Castiñeiras, é unha área recreativa que no ano 2015 foi rehabilitada e recuperada para uso cidadán. Conta con espazos para practicar deporte e zonas de paseo que ata o de agora os veciños non podían gozar en horario nocturno por falta de iluminación adecuada.

Grazas ás novas instalacións, agora dispón de 26 luminarias sobre columna e 2 proxectores para as pistas deportivas, xunto con 12 balizas baixas que dan continuidade ás xa existentes nas pasarelas das praias de Castro e de Catía e no posterior paseo do Carreiro.

As obras foron executadas por Ferrovial, a empresa que resultou adxudicataria do contrato por parte do Concello.

“Ribeira + eficiente”

Estes traballos forman parte da liña de actuación “Ribeira + eficiente”, mediante a cal o concello de Ribeira está a mellorar e renovar as súas instalacións de alumamento público co obxectivo de lograr un sistema de iluminación máis eficiente que contribúa a unha Economía Baixa en Carbono (EBC).

Deste xeito adecúanse tamén as instalacións aos requisitos e esixencias técnicas establecidas nas normativas e regulamentos de aplicación e, por outra banda, habilítanse novos puntos de iluminación eficiente en localizacións que carecían deste servizo.

“Ribeira + eficiente” é unha aposta ambiciosa pensada para situar o concello de Ribeira como referente a nivel nacional neste eido.

Ademais de procurar a redución do consumo enerxético e do impacto ambiental da mobilidade urbana, figuran entre os seus obxectivos un plan de eficiencia enerxética para edificios públicos e a implementación das medidas recollidas no PMUS elaborado en 2014: carrís bici e roteiros a pé.

Tamén se indica a necesidade de completar a apertura total de Ribeira ao mar coa dotación de zonas verdes e espazos públicos que permitan a conexión visual da localidade co mar.

Precisamente a franxa litoral é unha das prioridades desta liña de actuación e xa se procedeu á optimización da iluminación mediante intervencións de instalación ou renovación de luces led no paseo de Insuela, no paseo da Ameixida, na contorna portuaria de Aguiño e nas pasarelas das praias de Castro e A Catía e do paseo do Carreiro.

Investimento

Esta operación enmárcase na EDUSI “Máis Ribeira Atlántica 2020” (MRA2020), financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020 (actualmente integrado no Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) FEDER 2014-2020).

Máis concretamente, inclúese nas “Actuacións de mellora para unha iluminación eficiente no concello de Ribeira”, que se adscribe á Liña de Actuación LA13 de “Mellora da Eficiencia Enerxética na Administración Pública”, dentro do Obxectivo Temático 4 de “Favorecer o paso a unha economía baixa en carbono”.

O investimento total previsto para esta actuación é de 500.000 €, do cales 400.000 corresponden a fondos FEDER, mentres que os 100.000 € restantes son achegados polo concello de Ribeira.