Unión Europea

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

A SENDA PEONIL ENTRE PUNTA DO LAÑO E O PORTO FENICIO REVITALIZA E PÓN EN VALOR O ITINERARIO COSTEIRO DO CONCELLO DE RIBEIRA

Supuxo un investimento de 800.000€

  • Esta actuación potencia a utilización por parte de veciños e visitantes dunha zona de especial interese turístico, natural e patrimonial.

Santa Uxía de Ribeira, 28 de febreiro de 2023- A senda peonil entre Punta do Laño e o Porto Fenicio, en Aguiño, que completa o itinerario peonil entre a zona do “Transporto”, no Porto de Aguiño, e Punta Couso, revitalizou e puxo en valor toda a paisaxe natural e elementos patrimoniais da marxe costeira do concello de Ribeira para uso e goce dos seus veciños e visitantes.

A senda, creada no marco da EDUSI “Máis Ribeira Atlántica”, conta con 443 metros de lonxitude e 2,5 metros de ancho e enlaza coa pasarela de madeira de 2.500 metros xa existente entre Porto Fenicio e O Couso. Na práctica, supón un paso máis na mellora e na revitalización dunha zona de Ribeira que ten especial interese patrimonial e turístico para veciños e visitantes.

Poñer en valor a cultura mariñeira

Estes traballos de mellora da franxa litoral de Ribeira forman parte dun plan cuxo obxectivo é fomentar unha oferta variada de coñecemento e de goce das actividades marítimas e pesqueiras, ademais de poñer en valor e conservar a riqueza patrimonial da cultura mariñeira.

Doutra banda, tamén contribúe a preservar este sector do litoral da urbanización, mantendo o seu aspecto natural e alto valor turístico e recuperando a súa calidade ao garantir o libre acceso e uso público da costa, ademais de potenciar o seu uso como espazo de lecer e de benestar da poboación.

De maneira especial, este tipo de medidas de protección da paisaxe están orientadas á súa utilización como atractivo turístico e potencian os seus importantes elementos patrimoniais, como o singular Porto Fenicio e os restos do antigo almacén de salgadura da Covasa.

Porto Fenicio e Aguiño

Porto Fenicio é unha zona de gran valor natural e patrimonial. Mesmo hai estudos que defenden que se trata de restos dun porto construído polos fenicios para facer escala nas súas viaxes comerciais entre os séculos VIII e XII antes de Cristo.

Pola súa banda, Aguiño é un núcleo que ten unha longa tradición pesqueira e de actividades vinculadas ao mar e aos seus recursos e conta cun patrimonio mariñeiro de gran valor cultural e histórico.

O motivo do asentamento e ocupación do litoral de Aguiño foi a instalación a partir do ano 1770 de varios almacéns de salgadura no mesmo lugar no que actualmente se encadra a fachada costeira do pobo. Ese mesmo ano, establécese na Illa de Sálvora a primeira fábrica de secado e de salgadura de peixe en Galicia e comezan a chegar a Aguiño xentes doutras parroquias e núcleos veciños que abandonan o traballo agrario para adicarse á pesca. A instalación de máis fábricas, a pesca, o marisqueo, a implantación de industrias paralelas de conservas ou depuradoras de moluscos e a mellora do porto converten a Aguiño nun referente da comunidade pesqueira.

Na actualidade, a zona engade ao seu valor histórico e patrimonial un gran potencial turístico e ofrece, ademais, excelentes vistas da costa atlántica, con illas como Vionta, Sagres e Sálvora.

Elementos patrimoniais destacados da senda

Comezando a senda dende a zona coñecida como “O Transporto”, próxima ao Porto de Aguiño, atopamos primeiro o Porto Fenicio de Aguiño. Na pequena enseada da Covasa atópase un espigón de grandes sillares dispostos en tres longas ringleiras que se prolongan 70 metros ata entrar no mar.

Pechando o peirao e xa en terra firme, hai un muro de 22 metros de longo, tamén realizado con grandes sillares de granito, que se dispón transversalmente ao peirao e onde se aprecian rebaixes que parecen corresponder a restos de tubaxes así como un sistema de acceso por escaleiras.

Do antigo almacén de salgadura da Covasa quedan pedras semienterradas e algunhas pezas de cantería que posiblemente fosen utilizadas para a fase de prensado.

Na mesma zona da Covasa, moi preto de Porto Fenicio, e coincidindo co inicio do camiño de madeira, atopamos un tradicional muro de pedra, que pecha unha finca privada de varios metros de altura e lonxitude. Para as súas dimensións é un muro único que merece a pena conservar como elemento arquitectónico orixinal.

Na zona de Couso, ademais das novas instalacións conserveiras, consérvanse unha serie de almacéns de grande importancia na economía de Aguiño, onde se salgaba a sardiña a comezos do século XIX. Posteriormente, converteuse nunha fábrica de conservas e funcionou durante uns anos coma restaurante.

A carón do almacén hai un galpón que era utilizado polos mariñeiros para gardar pezas e utensilios de pesca e dornas. Neste lugar tamén se facían as reparacións das dornas e a costura de redes. Estes edificios están situados na beira da praia de Couso.

Actuacións realizadas

O novo trazado, que tan ben recibiron os veciños e turistas, entre Punta do Laño y Porto Fenicio adáptase ao camiño que xa existía, evitando facer movementos de terras que alterarían o aspecto e os hábitats da zona. As melloras realizáronse en dous tramos diferenciados:

     • Nun primeiro tramo, de 300 metros de lonxitude, formado por 17 centímetros de saburra natural ZA-0/32 e 8 centímetros de espesor na capa de coroación, que conta con pavimento de xabre-cemento con árido de granulometría 0-5 da zona. Tamén está impermeabilizado e estabilizado.

     • Nun segundo tramo, de 143 metros de lonxitude, composto por 25 centímetros de saburra natural ZA 0/32.

En ambos os dous casos, o pavimento está delimitado lateralmente con beiras de madeira de 25×10 centímetros e transversalmente, cada 10 metros, con beiras das mesmas dimensións que permiten conter mellor o pavimento fronte á escorreduras da choiva.

Investimento

Esta operación enmárcase na EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020 (MRA2020), financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020 (actualmente integrado no Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) FEDER 2014-2020).

Máis concretamente, inclúese nos traballos realizados dentro da operación de “Recuperación e de adecuación de sendas e de paseos para a posta en valor do Patrimonio Natural e Cultural de Ribeira”, que se adscribe á Liña de Actuación LA14 de “Posta en valor do patrimonio cultural, natural e turístico”, dentro do Obxectivo Temático 6 “Conservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia dos recursos”.

O investimento total previsto para esta actuación é de 800.000 €, do cales cales 640.000 corresponden a fondos FEDER, mentres que os 160.000 € restantes son achegados polo concello de Ribeira.