OE 2.3.3 SMART VILLAGE RIVEIRA
No marco do proxecto Riveira Atlántica 2015 o concello de Riveira desenvolveu “Smart Riveira”, unha plataforma baseada nas novas tecnoloxías que permite notificar incidencias e facilita a cidadáns e visitantes información sobre servizos municipais, eventos, novidades e recursos de interese turístico. Con todo, queda camiño por percorrer para o completo aproveitamento das novas tecnoloxías nos diferentes ámbitos da acción municipal. Neste sentido propóñense unha serie de actuacións para profundar na senda iniciada por “Smart Riveira” ampliando os seus servizos en áreas como a sinalización intelixente de viarias, o desenvolvemento dunha aplicación para móbiles de “Smart Riveira”, a integración das novas tecnoloxías no mercado municipal, a iluminación intelixente de paseos marítimos, a monitoraxe da calidade da auga e a creación dun sistema de denuncia anónima de verteduras ilegais, entre outras.
OE 2.3.3 MODERNIZACIÓN DA ADMINISTRACIÓN A TRAVÉS DAS TIC
A accesibilidade universal contempla o acceso de toda a cidadanía á información das Administracións Públicas. Neste sentido exponse unha liña de actuación que incorpora unha serie de actuacións para adaptar os servizos municipais ás necesidades da cidadanía permitindo a realización telemática de trámites do consistorio. Ao mesmo tempo, a Lei de Transparencia publicada en decembro de 2013 establece unha serie de obrigacións en materia de transparencia que se pretenden respectar e potencial habilitando canles para a participación cidadá. Complementariamente proponse tomar partido das novas tecnoloxías para poñer en valor o inventario de bens municipais actualmente en curso para mellorar a xestión dos mesmos, permitindo ao municipio alcanzar a xestión telemática e transparente de practicamente todos os trámites que os cidadáns realizan na súa actividade ordinaria.