A intervención vai dirixida á recuperación ambiental do río Pedrín e á súa posta en valor mediante a creación dunha senda turístico-fluvial ao seu carón.
Esta Boa Práctica enmárcase na EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020 (MRA2020), financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020 (actualmente integrado no Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) FEDER 2014-2020). Adscríbese aos traballos realizados dentro da operación de “Recuperación e de adecuación de sendas e de paseos para a posta en valor do Patrimonio Natural e Cultural de Ribeira”, que se adscribe á Liña de Actuación LA14 de “Posta en valor do patrimonio cultural, natural e turístico”, dentro do Obxectivo Temático 6 “Conservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia dos recursos”.
OBXECTIVOS
– Recuperar a riqueza natural e cultural da conca alta do río Pedrín, mediante a correcta recuperación do curso fluvial (limpeza do leito e das marxes) e a proxección dun percorrido pola servidume de tránsito do regato.
– Recuperar este importante emprazamento próximo ao núcleo urbano de Ribeira.
– Recuperar a riqueza ambiental da contorna e do propio leito do río Pedrín.
– Mellorar a calidade ambiental das marxes do río Pedrín, principalmente nos tramos que pasan por terreos de titularidade municipal.
– Conservar o antigo lavadoiro, que actualmente é refuxio de diversas especies de anfibios, e os seus arredores.
ACTUACIÓNS
Esta Boa Práctica céntrase en dúas áreas de actuación:
Recuperación ambiental do río Pedrín:
– Limpeza de vexetación accesoria, retirada de vexetación morta (incluídas, se é o caso, árbores caídas), e eliminación de vexetación exótica e/ou invasora, na zona de dominio público hidráulico e servidume do río Pedrín.
– Detección de puntos de contaminación que poidan afectar á corrente e, se é o caso, medidas para a súa corrección.
– Restauración da vexetación de ribeira autóctona en todo o tramo do río obxecto do proxecto.
– Análise do réxime hidráulico e hidrolóxico do regato Pedrín e das zonas asolagables.
Creación dunha senda turístico-fluvial:
O proxecto inclúe os movementos de terra (desmontes e terrapléns), a súa nivelación e compactación, e a colocación escalonada de tocos de madeira cada 9 metros para marcar o itinerario, na marxe esquerda do regato Pedrín.
O itinerario discorre polo río Pedrín ao longo de 685 metros, desde Cubeliños ata o lavadoiro do río Pedrín, en San Roque.
INVESTIMENTO
Esta Boa Práctica está incluída na Liña de Actuación LA14 de “Posta en valor do patrimonio cultural, natural e turístico” e conta con:
Investimento total 100 %: 800.000 €
• FEDER 80 %: 640.000 €
• Concello de Ribeira 20%: 160.000 €