Unión Europea

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

RIBEIRA ESTREA UNHA NOVA SENDA TURÍSTICA A CARÓN DO RÍO PEDRÍN TRAS REMATAR O ACONDICIONAMENTO DA CONTORNA

  • Os traballos enmárcanse na estratexia EDUSI “Máis Ribeira Atlántica”

Santa Uxía de Ribeira, 6 de marzo de 2023- O concello de Ribeira, no marco da EDUSI “Máis Ribeira Atlántica”, vén de rematar os traballos de creación, limpeza e acondicionamento dunha nova senda turístico-fluvial na contorna do río Pedrín. O obxectivo principal desta actuación é a recuperación ambiental dunha zona que conta cunha gran riqueza natural, medio ambiental e cultural e a súa posta en valor para veciños e visitantes.

A contorna do río Pedrín é unha localización fluvial de grande importancia para Ribeira pola súa proximidade ao casco urbano da localidade. O seu percorrido comeza no monte Castro e discorre cara ao parque periurbano de San Roque, no que se sitúa un antigo lavadoiro. Dende ese lugar, o curso de auga descende ata o centro urbano de Ribeira, por onde vai xa canalizado e soterrado.

Toda a zona acondicionada é unha área forestal caducifolia con elementos propios do monte de ribeira, constituído fundamentalmente por amieiros, salgueiros e freixos no seu estrato arbóreo.

Antes de executarse as actuacións, dende o Concello levouse a cabo unha diagnose ambiental da zona co obxectivo de identificar as peculiaridades que definen e caracterizan este espazo, de maneira que as melloras se axustasen á realidade ambiental que definen o regato Pedrín e a súa contorna. Esta diagnose incluíu tanto a calidade do medio terrestre coma do acuático.

Con estes traballos, optimízase tamén a calidade ambiental das marxes do regato, fundamentalmente nos tramos que pasa polos terreos de propiedade municipal, e presérvase o antigo lavadoiro, actualmente rehabilitado e un refuxio para varias especies de anfibios. Estes pequenos espazos húmidos (ribeiras, prados encharcados, pozas) xogan un papel crucial na conservación local dos anfibios, cuxas poboacións están en claro declive a nivel global debido á presión que a actividade humana exerce sobre os seus hábitats.

Actuación realizadas

As actuacións centráronse principalmente en dous ámbitos: a recuperación ambiental do río Pedrín e a creación dunha senda turístico-fluvial. En primeiro lugar, realizáronse as tarefas relacionadas coa rexeneración do río e da súa contorna:

  • Roza de vexetación accesoria, retirada de vexetación morta ou árbores caídas e eliminación de vexetación exótica ou invasora na zona de dominio público hidráulico e de servidume do río Pedrín.
  • Detección de puntos de contaminación que poidan afectar ao regato e, nese caso, medidas para a súa corrección.
  • Restauración da vexetación da ribeira autóctona.
  • Análise do réxime hidráulico e hidrolóxico do río Pedrín e das zonas asolagables.

No que atinxe á creación da senda turístico-fluvial, leváronse a cabo movementos de terra (desmontes e terrapléns), a súa nivelación e compactación e a colocación ao tresbolillo de tocos de madeira, cada 9 metros, que marcan o itinerario na marxe esquerda do río Pedrín. Este itinerario discorre ao longo do río Pedrín durante uns 685 metros, dende Cubeliños ata o lavadoiro do río Pedrín, en San Roque.

Os traballos foron realizados por Zona de Obra O Rosal S.L., a empresa cuxa oferta recibiu a mellor puntuación entre as cinco propostas que se presentaron tras a publicación do concurso por parte do Concello de Ribeira.

Investimento

Esta Boa Práctica enmárcase na EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020 (MRA2020), financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020 (actualmente integrado no Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) FEDER 2014-2020).

En concreto, adscríbese aos traballos realizados dentro da operación de “Recuperación e adecuación de sendas e paseos para a posta en valor do Patrimonio Natural e Cultural de Ribeira”, pertencente á Liña Actuación LA14 de “Posta en valor do patrimonio cultural, natural e turístico”, dentro do Obxectivo Temático 6 “Conservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia dos recursos”.

O investimento total previsto para esta actuación foi de 94.426,52 €, do cales 75.541,216 € corresponden a fondos FEDER, mentres que os 18.885,304€ restantes son achegados polo Concello de Ribeira.