A operación supuxo un investimento total de 500.000€
- Esta actuación adscríbese á liña dirixida á mellora da eficiencia enerxética enmarcada na estratexia EDUSI “Máis Ribeira Atlántica”.
Santa Uxía de Ribeira, 14 de febreiro de 2023- O concello de Ribeira, no marco da EDUSI “Máis Ribeira Atlántica 2020”, levou a cabo diversas actuacións de mellora dirixidas a conseguir un sistema de iluminación máis eficiente na localidade. En concreto, estes traballos optimizan a iluminación da franxa litoral mediante a instalación de case 500 luminarias LED entre Palmeira e Aguiño.
O obxectivo principal desta liña de actuación é reducir o elevado consumo enerxético das instalacións de iluminación pública, derivado da utilización de luminarias que provocan un alto consumo, dotando ao municipio dun servizo de alumado público respectuoso co medio ambiente co que se reducirán as emisións de gases de efecto invernadoiro e se favorecerá a transición a unha economía baixa en carbono (EBC).
Trátase dunha medida encamiñada a crear contornas urbanas máis confortables e seguras que favorezan a mellora da calidade de vida da cidadanía e propicien a redución das taxas da prestación do servizo aos veciños. Ademais, con estas actuacións dótase de novos puntos de iluminación eficiente a localizacións do concello de Ribeira que carecían deste servizo.
Tamén se busca adecuar algunha das instalacións de iluminación aos requisitos e esixencias técnicas establecidos nas normativas e regulamentos de aplicación.
Actuación realizadas
Con estes traballos, o concello suma preto de 500 luminarias eficientes de baixo consumo LED no litoral ribeirense, entre Palmeira e Aguiño (Insuela, Touro-Ameixida, parque e Castro-Catía e porto de Aguiño).
Por zonas, realizáronse as seguintes instalacións e melloras:
– Paseo de Coroso a Río Azor: 46 balizas e 4 farois altos no tramo comprendido entre a praia e a zona do cámping.
– Paseo da Ameixida: 72 balizas que percorren toda a infraestrutura.
– Parque de Punta do Castro: 2 balizas e 26 luminarias sobre columnas, 2 proxectores nas pistas deportivas e 4 na zona do aparcadoiro.
– Pasarelas das praias de Castro e da Catía e paseo do Carreiro: 221 balizas, en total, sumando todos os tramos, ás que se suman 9 farois na rúa adxacente Andrés Torres Queiruga.
– Porto de Aguiño: substitución por luces LED de 100 luminarias existentes nos viais que percorren o porto e o aparcadoiro e na zona residencial situada na contorna.
As empresas Ferrovial e Instalaciones Eléctricas Coruñesas foron as que levaron a cabo os traballos tras resultar adxudicatarias dos contratos pertinentes por parte do Concello.
Investimento
Esta operación enmárcase na EDUSI “Máis Ribeira Atlántica 2020” (MRA2020), financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020 (actualmente integrado no Programa Operativo Plurirregional de España (POPE) FEDER 2014-2020).
Máis concretamente, inclúese nas “Actuacións de mellora para unha iluminación eficiente no Concello de Ribeira”, que se adscribe á Liña Actuación LA13 de “Mellora da Eficiencia Enerxética na Administración Pública”, dentro do Obxectivo Temático 4 de “Favorecer o paso a unha economía baixa en carbono”.
O investimento total previsto para esta actuación é de 500.000 €, dos cales 400.000 corresponden a fondos FEDER, mentres que os 100.000 € restantes son achegados polo Concello de Ribeira.