Máis Ribeira Atlantica

Unión Europea

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

O CONCELLO DE RIBEIRA PÓN EN MARCHA A CAMPAÑA “LUCIR RIBEIRA” PARA DIFUNDIR AS ACTUACIÓNS DA ESTRATEXIA EDUSI

A Estratexia EDUSI “Máis Ribeira Atlántica 2020” conta cun orzamento global de 6.250.000€

  • A EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020 divídese en catro grandes liñas de actuación: Ribeira intelixente, Ribeira eficiente, Ribeira Turística, Ribeira Humana

Santa Uxía de Ribeira, 10 de febreiro de 2023- O Concello de Ribeira pon en marcha a campaña “Lucir Ribeira”, cuxo obxectivo é difundir e dar a coñecer aos veciños da localidade as actuacións e melloras realizadas no marco da estratexia EDUSI “Máis Ribeira Atlántica”.

“Lucir Ribeira” ofrece unha imaxe real e actual de Ribeira mediante unha campaña de proximidade que potencia o sentimento de pertenza e orgullo por ser de Ribeira. A campaña convida aos veciños a “levar Ribeira na pel” e a ser parte activa no lucimento e na posta en valor dos seus lugares, recursos e atractivos.

Os veciños, protagonistas da campaña “Lucir Ribeira”

Os protagonistas da campaña “Lucir Ribeira”, con ampla presenza nas redes sociais, son os propios veciños e veciñas da localidade. Así, participan nesta campaña ribeirenses de diferentes idades, lugares e profesións.

Un deles é o parataekwondista catro veces campión do mundo Álex Vidal, que debutou nos Xogos Paralímpicos de Tokyo 2020, sendo o único representante de España na estrea desta nova disciplina. Tamén participan Mariví e María, remeiras do Club de Remo Náutico de Ribeira, e Marta Blanco, do Patinaxe Ribeira, gañadora da medalla de prata na Copa de Europa de patinaxe. 

Outra veciña que aparece na campaña é Gloria Lijó, a primeira muller española en embarcarse na pesca de altura, nadadora premiada e actual presidenta do Centro Santa Uxía da Terceira Idade de Ribeira. E homes de mar como José Antonio Pérez Sieira, patrón maior de Ribeira e presidente da Federación Galega de Confrarías; ou Rubén Lijó, rescatador marítimo de Gardacostas de Galicia e persoa á fronte do proxecto Pegasus Rescue Team.

Ademais, o bailador e coreógrafo Fran Sieira; alumnos do Club Patinaxe Ribeira, Eizan e Marta; Anabel e Sara Sevilla, representando á Real e Ilustre Confraría da Dorna; Olegario Sampedro, presidente do Instituto de Mediación Educativa de Ribeira; e Manuel Reiriz Dios, presidente do Centro Recreativo de Artes, responsable do Museo Etnográfico de Artes e concelleiro, entre outras, da primeira corporación democrática 1979-1983, a piques de presentar as súas memorias.

Liñas de actuación da Estratexia EDUSI “Máis Ribeira Atlántica”

A Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado “Máis Ribeira Atlántica 2020” conta cun orzamento global de 6.250.000€ e está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.

A EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020 divídese en catro grandes liñas de actuación:

  • Ribeira intelixente: o seu obxectivo é mellorar o acceso, uso e calidade das tecnoloxías da información e a da comunicación.
  • Ribeira eficiente: busca favorecer a transición a unha economía con baixo nivel de emisión de carbono en todos os sectores.
  • Ribeira Turística: quere conservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia no uso de recursos.
  • Ribeira Humana: dirixida a mellorar a inclusión social e a loitar contra a pobreza.

En total, máis de 15 actuacións conforman o proxecto da EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020. Algunhas delas están rematadas e xa están a ser usadas polos veciños e visitantes de Ribeira. O resto das actuacións atópanse en fase de execución ou previa licitación.

Unha das actuacións realizadas é a reordenación da Avenida do Malecón, obra na que, entre outras melloras, se creou un carril bici e se ampliou a zona destinada a peóns.

Tamén están creadas varias sendas que poñen en valor o patrimonio cultural, natural e turístico de Ribeira, como a implantación dunha senda costeira peonil entre Punta do Laño e Porto Fenicio ou a creación dunha senda turístico-fluvial polo río Pedrín. 

No ámbito tecnolóxico, modernizouse a administración a través das TIC implantando solucións “Smart Village”, co obxectivo de ofrecer á cidadanía ferramentas que permitan realizar trámites administrativos máis áxiles e eficientes e novos servizos intelixentes que contribúan á dinamización social e económica do municipio.

Doutra banda, leváronse a cabo diversas actuacións dirixidas a mellorar a eficiencia enerxética na administración pública e a iluminación eficiente en zonas como o parque de Punta do Castro ou a franxa litoral entre Palmeira e Aguiño con luces LED. Tamén está prevista a renovación da envolvente térmica do Conservatorio de Música.

En canto á mobilidade, procederase á remodelación, humanización e pacificación do tráfico na fronte marítima e a rúa de Castelao en Aguiño, ao reforzo da rede de semáforos e á mellora da seguridade viaria peonil e ciclista en pasos de peóns.

Ademais, está a traballarse na creación do Novo Auditorio de Ribeira, ao que se dotará dun sistema intelixente de control e de telexestión, e no que se habilitará unha sala polivalente para a prestación de diversas actividades socioculturais, un vestíbulo con soportal exterior e unhas escalinatas/gradería.

Outro proxecto previsto consiste na rehabilitación dun edificio para albergar situacións transitorias de persoas en situación de vulnerabilidade.

Información na páxina web e nas redes sociais

O concello de Ribeira habilitou a páxina web “Máis Ribeira Atlantica” (https://maisriveiraatlantica2020.gal/), na que se ofrecerá información detallada e actualizada sobre as diferentes actuacións levadas a cabo no marco do proxecto EDUSI.

Tamén se publicarán as novidades sobre as actividades e proxectos da EDUSI nas redes sociais, Instagram, Facebook e Twitter do Concello de Ribeira, ademais da difusión da propia campaña “Lucir Ribeira” nos medios de comunicación.