Santa Uxía de Ribeira, 31 de xaneiro de 2023.- Concluído o prazo de presentación de ofertas, foron cinco as empresas que se postularon para a actuación dirixida á creación dunha senda peonil en Coroso: unha intervención que se enmarca na estratexia de desenvolvemento urbano Máis Ribeira Atlántica, que está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirregional de España (POPE) 2014-2020.
Actualmente a contorna do Río Grande está moi degradado, sendo imposible circular pola súa zona de servidume. Co obxecto de recuperar este espazo para uso público proponse a creación dunha senda peonil que permita acceder peonilmente á praia de Coroso desde a estrada AC-305. Con tal fin redactouse un proxecto co obxecto de crear unha senda peonil de 297 metros de longo e tres metros de ancho dende o arroio Saíñas ata o Paseo Marítimo de Coroso.
Deste xeito conéctase a AC-305 ou avenida da Coruña coa praia de Coroso, dunha maneira sostible, integrada e innovadora, enlazando unha zona de gran actividade comercial (especialmente polos supermercados alí situados) con outra zona escolar na que se atopan o CIFP Coroso e a Escola Oficial Náutico Pesqueira.
Na maior parte do trazado (278 metros) utilizarase pavimento natural estabilizado flanqueado por bordillos de madeira, a excepción dun tramo de pasarela de madeira con pilotes de 19 metros de longo.
Con esta intervención preténdese transformar a fronte fluvial nunha zona con maior calidade ambiental, paisaxística e de seguridade, xerando un espazo mixto, con predominio para o peón pero no que tamén poderían circular bicicletas (non así vehículos a motor), potenciando así a mobilidade alternativa e dándolle plusvalía aos espazos verdes, para o uso cotiá e o esparcemento.
A actuación comporta unha inversión de 179.612 € e está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do proxecto Máis Ribeira Atlántica. Adscríbese á liña de actuación número 13: posta en valor do patrimonio cultural, natural e turístico.
O prazo de execución son catro meses.
A actuación está cofinanciada con fondos europeos FEDER