Unión Europea

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

O CONCELLO DESTINA FONDOS EUROPEOS A CREAR EN CARREIRA UN CENTRO DE ACOLLIDA DE PERSOAS EN SITUACIÓN DE VULNERABILDADE

Saíu a licitación o proxecto de acondicionamento do inmoble

Santa Uxía de Ribeira, 20 de decembro de 2022.- O Concello vai contar, no marco do proxecto ‘Máis Ribeira Atlántica’, cun novo centro de acollida destinado a persoas en situación de vulnerabilidade social e para levar a efecto a creación deste novo servizo acábase de sacar a contratación as obras de reforma do inmoble que albergará este servizo.

Concretamente, trátase dunha edificación situada no entorno da antiga casa de cultura de Carreira, con acceso desde a rúa Outeiro,  que foi destinada no seu día a aula de emprego. Para acondicionalo como casa de acollida, será necesario habilitar os espazos existentes como espazos propios dunha vivenda: dormitorios, zona común, cuartos de baño e ademais unha pequena zona administrativa xa que se trata dun aloxamento temporal.

Con tal motivo, será acondicionada a envolvente existente do inmoble tanto exteriormente cun revestimento tipo SATE, como interiormente a través dun trasdosado autoportante, ambos con illamento de la mineral para mellorar a eficiencia enerxética.

Tres dormitorios

En canto á distribución interior, o centro de acollida contará con tres dormitorios, dous baños, unha zona común, un distribuidor e unha zona de administración. A superficie útil é de 85 metros cadrados e a construída, de 111.

O orzamento do proxecto de reforma ascende a 172.899,96, IVE incluído. O prazo de execución son catro meses.

A contratación forma parte da EDUSI (Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado) ‘Máis Ribeira Atlántica’, que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE).

A contratación forma parte da liña inicial A-10 Dotación de infraestruturas culturais e sociais, posteriormente agrupada na liña (A16) Infraestruturas sociais e culturais.