Unión Europea

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

“CHOIVA, PEDRA E CRISTAL” DE BERNAT PONS, ANNA GORROCHATEGUI E ANTONI PONS, GAÑADOR DO CONCURSO DO NOVO AUDITORIO DE RIVEIRA

  • A actuación está financiada con fondos europeos FEDER dentro do programa Máis Riveira Atlántica 2020, que reserva unha partida de 2,5 millóns de euros.

Santa Uxía de Riveira, 15 de maio de 2019.- O concurso de ideas do novo Auditorio de Riveira xa ten gañador. Trátase do equipo formado por Bernat Pons Vidal, Anna Gorrochategui Matas e Antoni Pons Cañellas, procedentes de Palma de Mallorca, con “Choiva, pedra e cristal”.

Así o decidiu no día de onte o xurado no concurso, despois de valorar as tres propostas que, de entre as 36 presentadas, foron seleccionadas como finalistas na fase anterior (as outras dúas eran “Atrio”, de Carlos Seoane, e “Escoita e verás”, con Antonio Bouza Castaño, Manuel Amado Fernández e Ángel Rivas Amado.

O alcalde Manuel Ruiz recordou que a construción do edificio forma parte da EDUSI Máis Riveira Atlántica, que está financiada nun 80% polo fondo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Adscríbese ao obxectivo temático 9 do POCS 2014-2020 “Promover a igualdade, a saúde e a inclusión social” e execútase na liña de actuación 16 da EDUSI Máis Riveira Atlántica 2020 denominada “infraestruturas públicas culturais e sociais”.

Aforo de 526 prazas

O auditorio contará cun aforo de 526 prazas (o dobre que o actual) e será totalmente accesible. Caracterízase pola súa gran versatilidade, constando de de dous volumes a modos de dúas grandes caixas de resonancia cun gran porche que servirá para dar a benvida aos espectadores que se achegan á praza do Centenario.

Agora, o estudo gañador ten un prazo de tres meses para realizar o proxecto construtivo que se materializará nunha parcela  de1.372 metros situada fronte a esta praza.

O xurado estivo composto por Alberto Iglesias Fungueiriño, arquitecto municipal de Riveira; Uxía Landeira Pereira, enxeñeira municipal de Riveira; Ignacio Soto González, arquitecto municipal de Teo; Mónica Neira Mato, arquitecta municipal da Estrada; e Daniel Beiras García-Sabell, arquitecto do Servizo de Asistencia a Municipios da Deputación da Coruña. Actuaba como presidente o alcalde de Riveira Manuel Ruiz.