Unión Europea

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

A NOVA WEB DO CONCELLO PERMITIRÁ REALIZAR ENQUISAS PARTICIPATIVAS ENTRE A POBOACIÓN

O luns entrará en funcionamento, ao igual que a páxina turística

Santa Uxía de Ribeira, 29 de xullo de 2020.- A partir do próximo luns 2 de agosto vai entrar en funcionamento a nova web do Concello de Ribeira: unha nova páxina (www.ribeira.gal) máis dinámica, intuitiva, áxil e visualmente atractiva que a actual, cuxas características foron dadas a coñecer esta mañá nunha presentación que entre outros contou coa participación do alcalde Manuel Ruiz, as concelleiras saínte e entrante de innovación tecnolóxica, Ana Barreiro e Juana Brión, e o edil de Turismo Ramón Doval, xa que a vindeira semana tamén se vai activar unha web específica para o sector turístico.

Ana Barreiro recordou que esta iniciativa enmárcase dentro da EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020, financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020, e adscríbese á liña de actuación denominada ‘Modernización da Administración e Smart Village Ribeira.

Tamén precisou que se trata dunha web accesible e responsive (é dicir, capaz de adaptarse a calquera dispositivo). O técnico municipal de informática Ramón Martínez afondou nas súas características, explicando que conta cun xestor de contidos de código aberto (liferay) e describindo os seus apartados e prestacións, algunhas tan novidosas como a que conferirá a posibilidade de realizar entre a poboación enquisas participativas, en sintonía con algunhas das pretensións manifestadas polos grupos en diversos plenos da Corporación. Ademais, advertiu de que dous dos seus apartados (o portelo dixital e a sección de transparencia) recibirán novos e notables avances no marco das melloras en e-administración que foron adxudicadas recentemente.

A sinxeleza do seu manexo permitirá que os distintos departamentos do Concello poidan actualizar os seus contidos nunha páxina que estará en dous idiomas: galego e castelán; mentres que a nova web turística do concello (www.turismo.ribeira.gal/) vai incorporar tamén o inglés. Respecto a esta última páxina, ademais de recoller a multiplicidade de recursos existentes no termo municipal, incorporará utilidades tan prácticas como a “mochila do viaxeiro”, na cal o usuario poderá ir confeccionando a súa propia ruta por aqueles lugares do seu interese. “O deseño da web de Turismo Ribeira está enfocado en transmitir a imaxe de marca Ribeira co propósito de configurar unha percepción positiva no público que nos visita”, explicou Ramón Doval.

A que sí está operativa é a nova app complementaria da páxina web, que entre outras posibilidades permitirá transmitir incidencias, recibir novas ou acceder á plataforma comercial impulsada polo Concello o pasado verán Ribeira Store, ademais de acceder as dúas webs hoxe presentadas unha vez entren en funcionamento. Pódese descargar gratuítamente tanto en Play Store como na App Store de Apple.

O alcalde Manuel Ruiz declarou que logo de renovar a identidade corporativa do Concello procedía renovar a súa imaxe en Internet, pois “é a primeira forma que ten a xente de achegarse á realidade dun concello”.

Ademais incidiu en que as súas novas funcionalidades van permitir mellorar tanto a acción municipal como as relacións da administración cos veciños dun xeito que vai permitir prescindir do papel cada vez máis.