Santa Uxía de Riveira, 8 de febreiro de 2022.- Os traballadores do Concello de Ribeira están a participar dende o día de hoxe nunhas xornadas formativas acerca dos novos avances que se están a implementar en materia de administración electrónica dentro do Concello de Ribeira.
Así, técnicos da empresa GT3 Soluciones SL acudiron ao noso municipio para ofrecer entre hoxe e o xoves clases sobre as novas melloras en materia de sede electrónica que se están a introducir, con miras a axilizar a tramitación dos expedientes e lograr unha maior coordinación interna e unha mellor comunicación co cidadán.
A actuación está integrada dentro dos novos servizos de E-Administración que, cun investimento de 283.633,32 €, foron adxudicados no 2021 no marco da EDUSI Máis Ribeira Atlántica, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.
Entre as novas melloras que se están a introducir inclúense as seguintes:
- Unha nova sede electrónica, cun novo concepto no que esta sede non sexa unicamente un portal dentro da web.
- Novos trámites con procedementos máis sinxelos para o cidadán.
- Adoptar unha nova solución tecnolóxica para a presentación de documentos na Oficina de Atención Cidadá que vaian dirixidos a calquera administración a través do sistema de interconexión de rexistros (SIR), o que permitirá suprimir os envíos de papel de administración a administración ao xerar copias auténticas electrónicas da documentación presentada.
- Propiciar a acreditación de representantes ou apoderados a través da Plataforma do Estado.
- Posibilitar a interconexión coa Plataforma de Intermediación do Estado, de tal xeito que cando un cidadán inicie un trámite non teña que aportar a documentación acreditativa: copia do DNI, AEAT, Seguridade Social, Dirección Xeral de Tráfico, etc…
- Poder acceder á na nova sede electrónica autenticándose coa Cl@ve PIN, e non só co certificado dixital ou DNI electrónico como ata agora.
- Poñer a disposición a carpeta cidadá Notific@ para que os cidadáns teñan nela todas as notificacións ou requirimentos que emita o Concello de Ribeira ou incluso outras administracións.
- Xestionar a través da sede unha solicitude de cita cun departamento ou edil da Corporación ou con alcaldía.
- Acadar unha solución tecnolóxica que permita a recepción, identificación e seguimento de avisos, queixas ou suxestións a través da web ou da app do Concello.
- Dispoñer dun taboleiro edictal único, o que posibilitará acceder a todas as publicacións oficiais do Concello nun mesmo apartado da nova sede electrónica.