Santa Uxía de Ribeira, 21 de xuño de 2021.- Ao longo da mañá de hoxe, o salón de plenos do consistorio ribeirense erixiuse nun epicentro para a reflexión sobre a seguridade viaria a través dunha xornada na que reputados expertos ofreceron a súa visión sobre o tema. Foi esta unha acción impulsada a modo de complemento da Consulta Preliminar ao Mercado que o Concello de Ribeira pon en marcha para atopar solucións innovadoras que diminúan esta problemática e lograr uns pasos de peóns máis seguros: unha iniciativa enmarcada no Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) e na EDUSI “Máis Riveira Atlántica 2020” —financiada nun 80% polo FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España ( POPE) 2014-2020
Logo da apertura da xornada por parte da concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro (quen significou que o Concello de Ribeira quixo “dar un paso al frente para integrar el instrumento de las Consultas Preliminares del Mercado, considerada una buena práctica en contratación pública con la que aún se puede innovar en gran medida, dentro de sus procesos de contratación”), tomou a palabra o sarxento primeiro Daniel Castelo, coordinador do grupo de traballo de seguridade viaria da Agrupación de Trafico da Garda Civil, quen en base á súa experiencia manifestou que “los siniestros viales siempre son evitables” e quixo formular tres preguntas sobre as que reflexionar en relación á casuística concreta dos pasos de peóns: ¿hai suficientes?, ¿os viandantes están concienciados sobre o seu uso? ¿o seu deseño e ubicación son seguros?
A continuación, Francisco Menéndez, director da Axencia Galega de Infraestruturas, revelou que de acordo coas estatísticas case todos os accidentes de tráfico se producen preto dos domicilios das persoas que os provocan. Aludiu a determinadas iniciativas impulsadas pola Xunta tales como a intervención na travesía de Palmeira: un proxecto deseñado pola Fundación RIA duns 2,2 millóns de euros, e declarou que investir en seguridade viaria compensa “incluso dende el punto de vista económico”.
Jeanne Picard, en representación da asociación Stop Accidentes, enumerou unha serie de eivas que nos entornos urbanos contribúen a que se produzan atropelos, tales como a mala ubicación de mobiliario (por exemplo, contedores que tapan a visibilidade), postes semafóricos colocados no medio dunha beirarrúa ou beirarrúas demasiado estreitas. Avogou por favorecer a educación sobre este tema e salientou a necesidade “recuperar la ciudad como un espacio de convivencia”
Javier Díez, da plataforma Ponle Freno, interviu telematicamente no ánimo de explicar o cometido desta iniciativa promovida por Atresmedia e que, arroupada pola lexitimidade que lle outorgou a cidadanía, vén esixindo unha serie de cambios a administracións, con logros tan importantes como a sinalización de puntos negros nas estradas ou o compromiso do Parlamento do Estado que a seguridade viaria sexa materia obrigatoria.
Manuel Ruiz resaltou a idoneidade da consulta ao mercado auspiciada polo Concello para atopar solucións innovadoras nas que o Concello pensa investir non menos de 100.000 euros, aínda que precisou que “la tecnología puede ayudar a que baje la siniestralidad pero nunca puede sustituir el sentido común.” Manifestou que determinadas actuacións realizadas polo Concello (a habilitación de aparcamentos disuasorios ou a creación de plataformas únicas e rúas peonís, por exemplo) contribuíron a reducir o numero de atropelos en Ribeira (de 15 a 3 no ano 2019), se ben recoñeceu que existe un problema importante cos accidentes de moto, tres no que vai de ano. Ademais de citar tamén a travesía de Palmeira como exemplo de intervención dirixida a aminorar a siniestralidade citou as obras das Carolinas e o Malecón e o proxecto que se vai executar na contorna do porto de Palmeira.
A última intervención correu a cargo de Katia Pérez, directora do sector público de SILO, quen informou da folla de ruta da consulta ao mercado xa en marcha, na que as empresas dispoñen ata o 30 de xuño para enviar súas aportacións. O Concello ten previsto analizalas en xullo e agosto e facer público un resultado en setembro. A licitación está prevista para o último trimestre do 2021 e a execución, entre o segundo e o terceiro trimestre de 2022.
Máis información sobre a consulta ao mercado:
https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?N=802244
Retransmisión íntegra da xornada en YouTube: https://youtu.be/jTMhyAODM24