Máis Ribeira Atlantica

Unión Europea

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

ADXUDICADA A ACTUACIÓN DESTINADA A IMPLANTAR NA AVENIDA DA CORUÑA EN RIBEIRA CATRO PASOS DE PEÓNS INTELIXENTES

A actuación está cofinanciada con fondos FEDER

  • Detectores de presenza de peóns, radares para vehículos e sinalización led vertical e horizontal son os elementos innovadores que se van instalar tras a consulta preliminar ao mercado efectuada no 2021

Santa Uxía de Ribeira, 18 de novembro de 2022.- O Concello de Ribeira acaba de adxudicar a actuación consistente na implantación de solucións intelixentes en pasos de peóns como resultado da consulta preliminar ao mercado efectuada no 2021 no ánimo de implementar medidas innovadoras que redunden na seguridade viaria e dos viandantes.

Esta intervención está enmarcada na EDUSI Máis Ribeira Atlántica, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional do España (POPE) 2014-2020.

A empresa que resultou adxudicataria de entre as catro ofertas presentadas foi Serovial, S.L., conforme a unha oferta de 87.120 euros, IVE incluído.

A actuación materializarase en catro pasos situados na avenida da Coruña, á altura dos números 149, 92, 82 e 6. Implica a instalación en cada un deles dos seguintes elementos:

  • Instalación de sinalización LED vertical en ambos sentidos do tránsito diante do paso de peón (2 por paso de peón) orientadas cara os condutores, as cales se iluminarán de forma selectiva co paso dos peóns alterando a súa iluminación en intensidade e frecuencia e/ou cor. A alteración na iluminación da sinalización LED vertical estará vinculada á detección de peóns cruzando o paso.
  • Instalación de sinalización LED horizontal en forma de balizas lonxitudinais sobre o extremo da beirarrúa adxacente á calzada para informar aos peóns da seguridade de cruzar o paso de peóns mediante cambios na cor das mesmas (sendo verde paso seguro e ámbar/vermello situación de risco). A alteración na sinalización LED horizontal estará vinculada á detección de vehículos dirixíndose ao paso. Dita sinalización LED deberá cubrir unha sección lonxitudinal de, polo menos, 2 metros con entre 2 e 4 balizas lonxitudinais.
  • Instalación no arcén e na liña central de balizas LED con paneis solares integrados antes do paso de peón en ambos sentidos da marcha dos vehículos para mellorar a súa visibilidade. Instalaranse, polo menos, 16 balizas en cada paso de peóns repartidas de forma equitativa en cada sentido da marcha e, en cada un deles, entre a liña central e a beiravía dereita.
  • Instalación na beirarrúa de luminarias LED a ambos os extremos de cada paso de peón sobre báculos fabricados nun material resistente ás condicións de salinidade e precipitacións de Ribeira.
  • Instalación de elementos de detección de peóns en ambos os extremos de cada paso de maneira que se poida activar de forma selectiva a sinalización LED vertical, así como as luminarias no caso de que se desexe un funcionamento non permanente das mesmas.
  • Instalación de radares pedagóxicos con display LED configurable en ambos os sentidos para advertir aos vehículos da súa velocidade.
  • Elementos de concienciación en materia de seguridade viaria na forma de pictogramas que indiquen o comportamento que deben seguir os peóns para previr situacións de risco, xa sexa mediante  pictogramas sobre a beirarrúa ou placas situadas no soporte da  señalética e/ou iluminación.

O prazo de execución de cinco meses distribuídos en cinco fases a partir da sinatura do contrato (lanzamento do proxecto e planificación; adaptación e validación do deseño, replanteo sobre o terreo, xestión de licenzas e subministros; obra civil e instalación; e probas e aceptación).