Unión Europea

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

ADXUDICACIÓN PROVISIONAL DA ACTUACIÓN DA RECUPERACIÓN AMBIENTAL DO RÍO PEDRÍN E CREACIÓN DUNHA SENDA TURÍSTICO-FLUVIAL

  • A actuación está enmarcada na EDUSI ‘Máis Ribeira Atlántica’, cofinanciada nun 80% con fondos europeos FEDER

Santa Uxía de Ribeira, 27 de abril.- O Concello de Ribeira informa da adxudicación con carácter provisional da intervención destinada á recuperación ambiental do río Pedrín e a súa posta en valor a través da creación dunha senda turístico-fluvial ao longo do mesmo.

Esta actuación enmárcase na EDUSI ‘Máis Ribeira Atlántica’, que está cofinanciada polo fondo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Execútase na liña de actuación 14 da EDUSI ‘Máis Riveira Atlántica denominada “Posta en valor do patrimonio cultural, natural e turístico”.

Había cinco empresas presentadas e a que obtivo a mellor clasificación resultou ser a empresa Zona de Obra O Rosal S.L. A execución da actuación suporá un investimento de 94.426,52 euros e o prazo son seis meses.

Aínda que de escasa entidade en termos de caudal, o arroio Pedrín é importante pola súa localización á beira do centro urbano de Ribeira. O seu percorrido comeza no Monte Castro e descorre cara o Parque  Periurbano de San Roque, no que se sitúa un antigo lavadoiro que é, actualmente, un refuxio para varias especies de anfibios. Desde ese lugar o curso de auga descende ata o centro urbano de Ribeira, por onde vai xa canalizado e soterrado.

O Concello de  Ribeira, a través do proxecto “Máis  Ribeira Atlántica 2020”, pretende recuperar a riqueza natural e cultural da conca alta do arroio a través dun proxecto que inclúe non só a recuperación propia do curso fluvial (limpeza do leito e da ribeira), senón tamén a proxección dun percorrido a través da servidume de tránsito do arroio.

O obxectivo principal desta actuación será a recuperación da riqueza ambiental da contorna e do propio leito do arroio  Pedrín. Para iso vanse efectuar unha serie de actuacións:

  • Roza de vexetación accesoria, retirada de vexetación morta (incluídas, de ser caso, as árbores caídas), e eliminación de vexetación exótica e/ou invasora, na zona de dominio público hidráulico e de servidume do arroio  Pedrín.
  • Detección de puntos de contaminación que poidan afectar o arroio e, de ser caso, medidas para a súa corrección.
  • Restauración da vexetación de ribeira autóctona en todo o tramo do río obxecto do proxecto.
  • Análise do réxime hidráulico e hidrolóxico do río  Pedrín e das zonas inundables.

Para contribuír á posta en valor do arroio , da súa riqueza natural e cultural, o proxecto inclúe os movementos de terra (desmontes e terrapléns), a súa nivelación e compactación e a colocación ao  tresbolillo de tocos de madeira cada 9 m para marcar o itinerario, na marxe esquerda do arroio  Pedrín. Será un itinerario turístico fluvial que ten en conta a disposición topográfica do terreo en cada parte do curso do río coa fin de adaptar as características da senda aos seus atributos naturais.

Dous ramais

O itinerario descorre ao longo do río cunha lonxitude de 685 metros. Complétase a senda, cun acceso cara o núcleo de Frións (acceso sur) a través dunha parcela de titularidade municipal, localizada na paraxe de Granxa, cuxo ramal terá unha lonxitude de aproximadamente 200 metros e con outro ramal (acceso norte), duns 135 metros, que conecte coa parte baixa do Parque Periurbano de San Roque.