- A actuación está enmarcada na EDUSI ‘Máis Riveira Atlántica’, cofinanciada nun 80% con fondos europeos FEDER
Santa Uxía de Ribeira, 10 de xaneiro de 2022.- Cadrando coa reunión de coordinación que cada dous luns mantén o Goberno Local na Aula de Música de Aguiño, os membros do Executivo aproveitaron para presentar en acto público o proxecto dirixido a remodelación integral da fronte marítima da localidade, que actualmente se atopa en período de presentación de ofertas.
Foi o alcalde Manuel Ruiz quen explicou ante medio cento de asistentes as características desta intervención, que supón un investimento de 997.419,75€, financiados no marco da EDUSI ‘Máis Ribeira Atlántica’, programa financiado polo fondo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.
A área de actuación abrangue entre a punta do Laño (xunto á antiga depuradora de Demarsa) e o cruce da rúa Castelao coa estrada xeral que vai a Castiñeiras, incluíndo entre outras acciñons a instalación en Transporto dun circuíto de Pump Track/ Skate e outro de calistenia, a remodelación da zona de entrada ao porto cunha rotonda de acceso e a reubicación de áreas verdes e prazas de aparcamento, a humanización da rúa Castelao coa ampliación de beirarrúas, a creación dun carril bici e un pequeno miradoiro, ou a separación de pluviais e fecais.
As empresas interesadas dispoñen ata o 28 de xaneiro para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).