Esta intervención foi posible grazas á axuda de fondos europeos FEDER para o programa ‘Máis Riveira Atlántica 2020’ e adscríbese á liña de mellora da eficiencia enerxética na administración pública.
Santa Uxía de Ribeira, 17 de febreiro de 2021.- Veciños e visitantes poden disfrutar en horario nocturno do parque de Punta do Castro logo de que esta semana se procedese ao acendido das luminarias de baixo consumo alí instaladas.
Así, esta área de esparcemento que no ano 2015 fora rehabilitada e recuperada para o uso cidadán dispón de 26 luminarias sobre columna e 2 proxectores para as pistas deportivas, ademais de 12 balizas baixas que dan continuidade ás existentes nas pasarelas das praias de Castro e Catía e o paseo do Carreiro posterior.
Cómpre lembrar que esta actuación enmárcase na EDUSI Máis Riveira Atlántica 2020, financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020. Adscríbese a liña de actuación deste plan denominada Mellora da Eficiencia Enerxética na Administración Pública, dentro do obxectivo temático número 4 (Economía Baixa en Carbono).
Ademais da referida actuación, o proxecto incluíu outras intervencións de instalación ou renovación de luces led na franxa litoral do municipio ribeirense: concretamente, no paseo de Insuela, no paseo da Ameixida, no entorno portuario de Aguiño, así como nas referidas pasarelas das praias de Castro e A Catía e do paseo do Carreiro, sumando un investimento global de 447.629,46 euros.